A realidade social galega e mundial mudou. A sociedade do século XXI vaise conformando con estruturas flexibles, cambiantes, permeables. Novos medios e ferramentas de interacción potencian novas realidades interconectadas. Os graves problemas e desafíos que conforman xa o día a día da cidadanía xeran reaccións fóra das canles tradicionais, reflectindo unha diversidade social e de pensamento que marca o camiño no que debemos desenvolver a actividade política.
A necesidade de que a diversidade social se exprese tamén na imprescindible pluralidade política non implica obrigatoriamente afondar nas divisións e enfrontamentos. Abonda con renunciar ao dogmatismo e ao sectarismo para construír unha estrutura permeábel, dialogante e con afán unitario que se sitúa unicamente en contra das políticas que favorecen ao 1% que acumulan riquezas e beneficios fronte ao 99% que vive, e en moitas ocasións malvive, do seu traballo e da súa creatividade. A difícil situación que está pasando a grande maioría das persoas e ameaza o noso país e o conxunto do planeta esixe grandes doses de xenerosidade, fincar os pés na terra e manter todas as canles abertas para a integración nesa nova realidade social.
A organización política que presentamos afástase de vellas receitas e herdanzas e propón un novo xeito de entender o traballo político nos ámbitos en que desenvolverá a súa actividade: a cooperativa política, baseada na colaboración e na síntese cultural de ideas que vaian a favor da inmensa maioría, respectando a pluralidade e sen ambicións de predominio. Esta cooperativa política acolle as achegas do galeguismo político e o soberanismo cívico, o progresismo inclusivo e a esquerda renovadora, o ecoloxismo político e a radicalidade democrática.