No momento de abordar o novo proxecto que necesita Galicia e o ben común debemos
partir de dúas premisas. A primeira, que a resolución dos grandes problemas aos que nos
enfrontamos e as grandes encrucilladas que ten o pensamento non se van solventar da noite
para a mañá e desde Galicia para o mundo, senón nunha construción de novo pensamento
coral e global. A segunda, que temos que experimentar e construír algo novo. Os instrumentos
políticos tradicionais están entalados polas súas eivas.
Temos que construír algo novo e témolo que construír desde o ‘construtor’ dunha nova
identidade. Unha nova identidade ligada aos seguintes eixes: o galeguismo político e o
soberanismo cívico, a esquerda renovadora, o ecoloxismo político e a radicalidade
democrática.
I. DEFENSA DA DEMOCRACIA, REXENERACIÓN POLÍTICA E PARTICIPACIÓN CIDADÁ
I.1. Diagnose
Existe unha forte desafección polo sistema político actual e polas formas de
participación social na vida política. É un síntoma que se observa en zonas moi diversas do
planeta en distintos grados pero cunha clara transversalidade cultural e institucional. No noso
caso esta desafección estase vendo agudizada polo forte impacto crise económica,
particularmente na poboación máis nova.
I.2. Propostas
• Situar con forza un programa de rexeneración democrática que camiñe cara a unha
democracia máis participativa onde, por unha banda, as actuais institucións públicas
conten cun concurso máis activo da cidadanía e, pola outra, novas formas de
institucionalidade impulsadas pola sociedade civil se establezan e consoliden.
• Establecer un diálogo fluído cos axentes e movementos sociais, nomeadamente cos
que compartimos obxectivos e aspiracións, cun afán de colaboración e respecto a súa
independencia e evitando calquera instrumentalización.
• Apostar pola construción dunha Unión Europea verdadeiramente democrática,
contribuíndo á creación dunha sociedade civil Europea que defenda valores que nos
son comúns, nomeadamente o modelo de economía social de mercado cunha forte
compoñente de igualdade social.
• Apostar por unha mundialización cívica incluíndo a reforma en profundidade do
Sistema das Nacións Unidas, unha verdadeira xustiza universal e Tribunal Penal
Internacional, a abolición dos paraísos fiscais, da débeda externa e a posta en marcha
do Tribunal Ecolóxico Mundial.
• Promover a cultura da paz cunha aposta pola educación pola paz, o diálogo
intercultural e interrelixioso, a resolución pacífica dos conflitos, etc
I.3. Algunhas medidas inmediatas
• Reformar o sistema electoral. Suprimiranse os elementos que deforman a vontade
expresada pola cidadanía (limiares mínimos, etc), instaurarase a circunscrición galega
en todos os procesos electorais superiores ao local e implantaranse as listas abertas
nos procesos electorais.
2
• Mellorar a transparencia pública e fomentar a participación cidadá, en particular no
ámbito local. Para iso ampliarase o ámbito de aplicabilidade das ILPs, instituirase e
promoverase o sistema de referendos particularmente no ámbito local e implantaranse
prácticas de goberno aberto tales como os Orzamentos Participativos.
• En canto ao exercicio dos cargos públicos, limitarse por lei o número de mandatos en
cargos electos en particular os de carácter executivo, limitarse a compatibilidade na
percepción de remuneracións públicas e privadas logo do abandono da actividade
pública e, como liña xeral, eliminaranse os privilexios económicos dos cargos públicos
baixo criterios obxectivos e de igualdade social.
• Promover o dereito a unha información independente, veraz e de calidade. Aprobación
dunha Lei de Garantías do Dereito á Información que preserve o dereito da cidadanía a
obter unha información de calidade; regular o sistema de subvencións aos medios de
comunicación equiparándoos aos de calquera outra actividade económica así como o
de publicidade institucional; implantar para a CRTVG un réxime verdadeiramente
autónomo do Goberno galego.
• Regulamentar estritamente as campañas electorais e o financiamento dos partidos
políticos.
II. SUPERACIÓN DA CRISE ECONÓMICA, DESENVOLVEMENTO E SUSTENTABILIDADE
A crise actual non é unha crise cíclica máis do capitalismo, senón que estamos diante
da crise do modelo imperante nas últimas décadas. A situación que se está a vivir desmente
rotundamente as teses dominantes da ideoloxía neoliberal e pon de manifesto que son en
última instancia os poderes públicos os garantes fundamentais da estabilidade económica. As
políticas económicas que se están a seguir na actualidade, en particular na Unión Europea,
seguen un camiño equivocado e só inciden nos erros cometidos. A austeridade por si soa non
resolve senón que empeora a situación económica, particularmente nos países da periferia
Europea.
Por outra banda, é necesario reformular o modelo de crecemento actual camiñando cara o
desenvolvemento sustentábel. Existen límites ao crecemento material das economías e, ao
mesmo tempo, o crecente consumo enerxético pon en perigo o ecosistema do planeta. En
ningún outro ámbito como neste se fai urxente aplicar a máxima de “pensar globalmente e
actuar localmente”, adecuándose a nosa realidade pero de forma decidida.
Por último, no ámbito galego debemos ser conscientes das fortes mudanzas experimentadas
pola nosa economía nas últimas décadas. Se ben a nosa economía ocupa aínda hoxe, tanto no
contexto estatal como no europeo, unha posición periférica, afastada dos centros de poder
económico e cuns niveis de desenvolvemento comparativamente baixos, o País foi quen de
incorporarse á modernidade grazas as forzas e capacidades da sociedade galega. Dende o
punto de vista político, a aparición e consolidación das institucións autonómicas constituíu un
punto de inflexión na mellora dos niveis de desenvolvemento económico de Galicia.
A Galicia que queremos, de acordo ao concepto de sustentabilidade, tería estas cinco
características principais:
• Menor déficit ecolóxico
• Ecoeficiente e limpa
• Cun territorio ben coidado e rica en biodiversidade
• Socialmente xusta
• Economicamente próspera
3
II.2. Propostas
• No eido internacional o tramado económico-institucional conformado polo Banco
Mundial, o Fondo Monetario Internacional e a Organización Mundial do Comercio
debe ser reformulado. O obxectivo estratéxico destas institucións non debe ser outro
que o desenvolvemento sustentábel e igualitario entre os distintos pobos do mundo.
• Cómpre recobrar a misión reguladora e estabilizadora do sector público nas
economías. A política fiscal debe recobrar a súa función redistributiva e anticíclica para
atender ao obxectivo da xustiza social, o desenvolvemento e o pleno emprego. O
sector financeiro debe ser obxecto de forte regulación, en particular os movementos
de capital financeiro internacional. Apostamos por unha taxa que grave as transaccións
financeiras.
• No eido Europeo débese apostar pola reforma das institucións comunitarias, creando
un tesouro común Europeo (Eurobonos), dotando de maiores recursos os orzamentos
Comunitarios e modificando o funcionamento do BCE.
• Reformular as Directrices de Ordenación do Territorio e establecer un plano de
ordenamento do territorio baixo a lóxica da sustentabilidade. Protexer os terreos de
titularidade pública no dominio público hidráulico e promover unha estratexia de
xestión integrada do litoral. Crear unha rede completa e ben xestionada de espazos
naturais de protección especial terrestres e mariños unida por corredores ecolóxicos
que inclúa a Rede Natura 2000.
• Propoñemos un “Plan de Investimento Verde” a nivel Europeo orientando cara o
desenvolvemento sustentábel, con planos ambiciosos que persigan, entre outras
metas, o aforro e eficiencia enerxética e a aposta polas enerxías renovábeis co
obxectivo de acadar a autosuficiencia enerxética mediante a súa implantación no
menor período posíbel e especialmente dirixido para estimular o crecemento dos
países periféricos con maiores problemas de déficit público.
• No eido fiscal, cómpre unha fonda reforma fiscal que permita crear un sistema
realmente redistributivo. Revisar e eliminar figuras de evasión de impostos tales como
as SICAV, establecer un plano contundente contra a fraude fiscal dotado dos medios
necesarios e desenvolver unha fiscalidade verde que promova a imprescindíbel
sustentabilidade ambiental da nosa sociedade potenciando as prácticas e iniciativas
que axuden no necesario cambio de paradigma social e ambiental.
• Apostamos por unha sociedade dinámica, que acolla, potencie e valore os/as
emprendedores/as capaces de desenvolveren proxectos creativos e innovadores,
orientados á creación de emprego digno e de calidade.
II.3. Algunhas medidas Inmediatas
• Incremento do IRPF no tramo autonómico para as rendas máis altas e
desenvolvemento da imposición fiscal autonómica verde. Identificar e estabelecer un
calendario para eliminar progresivamente as axudas públicas a actividades
insustentábeis.
• Posta en marcha dun Plan Galego da Innovación que incremente os recursos para a
formación e a I+D+i, apostando por novos sectores emerxentes tales como as enerxías
renovábeis, as biotecnoloxías ou as industrias creativas.
• Lanzamento dun “Plan de Investimento Verde” dirixido a impulsar as enerxías limpas
co obxectivo de acadar o autoabastecemeto enerxético 100% renovábel e que conteña
un ambicioso plan de aforro de enerxético, con incidencia inmediata na infraestrutura
pública.
4
• Aprobación dun “Plan integral de valorización do Medio Rural” que aposte pola
valorización ambiental e económica dos territorios rurais impulsando iniciativas de
produción agro-industrial baseadas en cadeas curtas de produción-distribución-venda,
que sirvan para producir alimentos saudábeis e para fixar rendas no eido rural.
• Elaboración dun “Plan integral de valorización do Medio Costeiro” que compatibilice os
usos económicos, ambientais e turísticos destes territorios, impulsando iniciativas
empresariais sustentábeis.
• Posta en marcha dun “Plan galego de transporte e infraestrutura”, dirixido a
racionalizar e optimizar as infraestruturas con especial atención ao eido ferroviario.
Como prioridade, completarase a conexión de velocidade alta entre as cidades galegas
e apostarase decididamente polo tren de proximidade.
• Racionalización do espazo aeroportuario galego, situando ao actual aeroporto de
Santiago de Compostela como o aeroporto internacional de Galicia e promovendo a
especialización dos outros dous aeroportos en mercadorías e conexións de curta
distancia.
• Creación dun “Instituto de Crédito Galego”, maioritariamente público, que se rexa por
principios éticos, e destinado a apoiar financeiramente o tecido produtivo galego para
avanzar cara á sustentabilidade.
• Accións chave de acción para unha Galicia sustentábel:
– Actuar positivamente fronte ao cambio climático.
– Implantar unha nova cultura do territorio.
– Implantar a contratación pública verde.
– Impulsar a xestión sustentábel dos recursos naturais, promovendo a ecoeficiencia
e a ecoinnovación para atinxir un obxectivo global de mellora da eficiencia no uso
dos recursos naturais.
– Facer unha reconversión ecolóxica do transporte.
– Garantir a aplicación da lexislación ambiental, reforzando os medios en vixilancia e
administración.
– Fomentar a educación para a sustentabilidade.
III. AUTOGOBERNO E IDENTIDADE
Galicia é unha nación, en termos sociais e culturais, porque a cidadanía galega mantivo
e mantén, mesmo a pesar de todas as dificultades, unha identidade colectiva propia da que a
lingua é un elemento sobranceiro. En termos políticos, porén, a asunción do carácter nacional
e a consecuente conquista da soberanía política constitúen aínda un desafío: o nacionalismo
percorreu ate agora unha parte importante do camiño, mais é necesario alargar a adhesión
social a un proxecto nacional para Galicia.
Galicia é unha nación europea. Mais a nosa forma de sermos europeos ten que partir sempre
da identidade propia e da capacidade de relacionarnos con outros pobos en pé de igualdade. O
actual proceso de construción Europea amosa sen embargo un grande déficit democrático que
constitúe polo que é necesario revisalo e levantar o edificio institucional común con bases
diferentes. Aspiramos a que Galicia sexa suxeito activo no proceso de construción política,
social e cultural de Europa. Recuperando o ideario do Partido Galeguista e da Xeración Nós,
concibimos Galicia como célula de universalidade, universalidade que ten a Europa como
primeiro chanzo.
5
A autonomía supuxo un avance histórico transcendental e constitúe unha ferramenta
importante no proceso de conquista do autogoberno efectivo e a soberanía política. Xa que
logo, a autonomía debe ser aproveitada tanto para realizar todos os avances que o actual
marco legal permite, e que a falta de vontade política dos gobernos do PP impediu ata agora
facer efectivos, como tamén para lle demostrar á cidadanía a insuficiencia competencial e
financeira a que nos aboca o Estado español e, en consecuencia, a necesidade de superación
dese marco.
A lingua galega é o eixo que vertebra o carácter nacional de Galicia e é por iso polo que as
institucións propias teñen un compromiso fundacional coa recuperación e promoción da nosa
lingua. Na actualidade, existe unha campaña de acoso e persecución do galego por parte de
sectores reaccionarios de dentro e fóra do país que lamentabelmente comparte unha parte
moi importante do partido hoxe gobernante, o cal limita os efectos do compromiso
institucional mencionado.
Afirmamos que Galicia ten dereito ao pleno exercicio da súa soberanía. Entendemos esta como
un proceso de construción do autogoberno que se vai concretando de diferentes xeitos en
etapas diferentes. Á hora de abordar os dereitos nacionais de Galicia na realidade de hoxe
partimos de catro circunstancias necesariamente a ter en conta:
• O esgotamento do modelo saído da transición e do seu armazón político-xurídico
• O proceso de integración económica global dirixida polos oligopolios e que proxecta
unha homoxeneización cultural, idiomática e de hábitos de vida e consumo
• A recentralización política e o recorte do estado de benestar.
• A convivencia na cidadanía de afirmacións identitarias diversas.
III.2. Propostas e medidas inmediatas
• Debemos deseñar unha estratexia actualizada para sumar o maior número de
segmentos sociais á defensa da nosa lingua, e que aproveite as oportunidades de
pertencer ao sistema lingüístico galego-portugués.
• Galicia precisa de xeito inmediato unha Axenda de Política Exterior que promova o
papel e os intereses de Galicia no mundo, aproveitando os vínculos da emigración
exterior e valorizando a nosa lingua, como instrumento especialmente útil no ámbito
lingüístico galego-portugués.
• Galicia ten que estar representada nas institucións Europeas ao igual que as restantes
nacións Europeas sen Estado. Apostamos pola creación dun espazo institucional de
relevancia para facer efectivo este obxectivo.
• O actual marco constitucional e autonómico debe ser reformulado de cara a un mellor
acomodo das distintas realidades nacionais que conviven no seu seo. Apostamos por
avanzar cara a un Estado plurinacional, que adopte a forma de República, no que se
estableza un modelo aceptábel para todos os pobos que coexisten no Estado español.
• Galicia necesita un Novo Estatuto que avance no autogoberno e blinde as
competencias actualmente existentes. O Novo Estatuto debe incluír a posta en marcha
dun modelo de financiamento semellante aos sistemas Basco e Navarro.
• Cómpre reformular a estrutura territorial administrativa apostando pola eliminación
inmediata das deputacións e a por figuras de coordinación das entidades locais
(mancomunidades, áreas metropolitanas, fusións, etc).
IV. SERVIZOS PÚBLICOS E DEREITOS SOCIAIS
Coa escusa da crise, estamos asistindo a un proceso de desmantelamento dos servizos básicos
do Estado de Benestar. O desenvolvemento destes servizos veu da man no caso galego da
consolidación das institucións propias, por iso non é casualidade que o actual goberno do PP
no Estado anuncie a reformulación do “Estado Autonómico” mentres aplica recortes inéditos
no Estado do Benestar. Na actualidade están en perigo os dous principais logros colectivos dos
galegos nas últimas décadas: os servizos básicos do Estado do Benestar e o Autogoberno.
IV.2. Propostas
• Defendemos a intervención pública e a regulación dos mercados como garantes da
igualdade de oportunidades e a cohesión social. A consolidación e mellora do Estado do
Benestar xurdido na segunda metade do século XX e desenvolvido da man das
institucións propias do país é un eixo de acción fundamental. A educación, a saúde, os
servizos sociais, o compromiso cos dereitos laborais e sociais dos traballadores e
traballadoras, as políticas de igualdade de xénero e a xestión sustentábel dos recursos
naturais constitúen os piares básicos do modelo social e económico que defendemos.
• Apostamos por un Estado do Benestar eficiente, que garanta un acceso universal aos
servizos públicos co mínimo custo posíbel para a cidadanía como mellor xeito de impedir
a súa mercantilización. Con ese obxectivo cómpre mellorar o funcionamento das
Administracións Públicas de cara a incrementar a súa eficiencia, e darlle unha maior
participación directa á cidadanía nos poderes e na xestión dos servizos públicos.
IV.3. Medidas Inmediatas
• Creación do “Sistema Galego de Benestar” que aglutine e coordine os servizos sociais
que presta a Xunta de Galicia recuperando o proxecto impulsado polo anterior goberno
da Xunta de Galicia.
• Aposta polo carácter público do servizo galego de saúde así como pola súa
racionalización, mediante fórmulas de control do gasto farmacéutico (xenéricos, etc.) e
reforzo da atención primaria. O financiamento do sistema de saúde farase pola vía
impositiva.
• Aposta polo carácter público do sistema educativo, reducindo as transferencias a
institucións privadas e potenciando o seu carácter laico e universal.
• Aposta por fórmulas empresariais sociais no ámbito dos servizos sociais.
• Recoñecemento da actividade e dos dereitos dos e das traballadores domésticos e
coidadores.
• Alongamento do permiso de maternidade e paternidade confluíndo cos estándares
europeos.
• Combate á precariedade laboral, ampliación dos dereitos dos consumidores e usuarios.