Compromiso por Galicia, ante a inminente posibilidade dun ataque a Siria por parte de forzas internacionais encabezadas polos EEUU, quere manifestar o seu rexeitamento a dito ataque e solicita máis tempo para que os inspectores das Nacións Unidas poidan realizar os seus traballos para comprobar a utilización de armas químicas contra a poboación civil. A nosa organización, de base pacifista e que acredita na negociación como ferramenta de resolución de conflitos, cre que se deben explorar as vías de diálogo co fin de evitar unha situación que provocaría máis mortes e destrución no país. Calquera acción militar debe ser abordada con coidado, sobre unha base probatoria e dentro dun marco xurídico claro, cuestión que non se cumpre nesta fase na que nos atopamos. Compromiso por Galicia condena sen reservas as accións do réxime de Bashar al-Assad nos últimos meses e anos, de igual xeito que a violación sistemática dos dereitos humanos en Siria, entre os que se atopan os dereitos nacionais do pobo kurdo. Compromiso incide tamén na necesidade dunha reforma profunda do modelo de seguridade internacional nacido logo da II Guerra Mundial, con base no Consello de Seguridade das N.U, xa que os novos conflitos non poden resolverse con vellas ferramentas, e avoga por un modelo baseado no multilateralismo, que incorpore ás realidades emerxentes e que se fundamente na cultura da paz.